Fotografía: Pegadas do Eume © Vari Caramés
Texto: Eume, húmida mañá do mundo. Eva Veiga
Ti leva-lo son deste río. Escoita. Aló na neboa, un breve pero duro aleteo. Revélase a vida como un páxaro que flué revés da sombra.
Es tí na viaxe portentosa que arrastra a luz e os seus ceos ata un mar que descifra a alta e fonda intemperie das montañas.
Ti es río, caudal de astros evanescentes, de raices prateadas que desovan a lonxicua esperanza de remota-lo tempo.
Eume de húmidas pestanas. Húmida mañá do mundo que alborea de escumas, cristada que se extende de galopes,pontes e resinas.
E sempre pasa e sempre abrota a túa mirada sutilmente mineral.
Alquimia das horas esmeralda: primavera innumerable de liques, prímulas, prantigo, cereixa,…rizada pole duna terra feroz.
Aberta flor azul en cénit sobre os vales fondeados de paciemcia.
Ave invisible, o estío a pousarde no soño amarrado dos barcos, a propagarse en ondas acendidas ata un solpor de ámbar.
O outono trae unha nostalxia, arbórea de mans que noutrora ergueron arcos, bóvedas, escadas infinitas… Oración en pedra que agora vela ensimesmada a pegada eterna do silencio.
Un silencio máis antigo, case inmemorial, ouvea nas espidas cumes da invernía, onde nacen as augas e as bestas beben os ventos.
Aquí cada existencia cumpre o seu rito, e pode que a tí xa non escoite-lo son de seu acontecer, pois e agora que contemplas esta extensa fluidez dende o seu misterio profundo e quedo, e ti tamén inolvidable permaneces no abrazo redondo do tempo.
Será máis tarde, cando o corpo recupere vertixe e medida, que lembrarás un murmurio, un discorrer se fondo, un acento.